O acceso ao recinto intermedio do castro faise mediante unha simple interrupción da muralla que se apoia en dúas grandes rochas ciclópeas en posición vertical traídas ata aquí para facer a función de xambas monumentais. Esta muralla podería coincidir coa cerca máis antiga do poboado, realizada con estacas de madeira, probablemente vinculada á primeira fase de ocupación. Das tres portas que se abriron nas murallas da Cidá, esta é a única que se fixo de forma perpendicular ao muro. Esta porta coincide tanto no aparello como na orientación coas outras portas do castro (a superior da croa e a Porta Norte), que recordan aos accesos monumentais de grandes castros como San Cibrán de Las.