logob

O barrio sur

Arredor do s. III-II a.C. iniciaríase un segundo momento de ocupación do xacemento no que se ampliaría o poboado cara o oeste con dous antecastros que permitirían cuadriplicar o espazo orixinal. Neste momento as construcións de madeira deixarían paso a cabanas de pedra de planta circular, cadrada e rectangular.

Estas cabanas teñen unhas características diferentes respecto doutros poboados:

A. A amplitude media das cabanas é de entre 3,5 e 4 m, fronte aos 5,5 m doutros poboados centrais. A pequenez destas construcións quizais se explique por un sistema de organización construtiva socalcado, que opta por construír vivendas e construcións adxectivas en distintos niveis do terreo.

B. Non existen as habituais casas-patio, isto é, construcións para usos múltiples habitadas por unha familia e claramente separadas entre si; en calquera caso cada familia posuiría varias construcións.



Moedas serradas

Das tres numismas descubertas ata o de agora no castro, todas elas de prata, as dúas máis antigas presentan restos de corte realizados para comprobar a pureza deste metal precioso e evitar a súa falsificación. Para evitar esta práctica Roma mesmo chegou a cuñar denarios dentados no perímetro exterior realizados a man antes do cuñado. É o que se coñece como nummi serrati (moedas serradas).
A maioría das alteracións físicas que presentan estas moedas romanas foron realizadas para descubrir a súa alma, isto é, para confirmar a súa autenticidade. Durante a República (509-27 a.C) e a principios do Imperio (27 a.C.-284 d.C) foi común utilizar unha folla metálica para forrar as moedas, soldándoas ou quentándoas. Os núcleos das moedas ou nummi eran sobre todo de cobre e, algunha vez, de ferro. Crese que podían chaparse mediante a súa inmersión en prata líquida.