Castro da Saceda

A uns escasos 200 m da estrada, á dereita, percíbese a liña rotunda do castro da Saceda (780 m de altitude). Chaman a atención a distancia os seus recios muros defensivos. Xa estaría habitado no s. V a.C., e sobreviviría ata os primeiros momentos do s. I a.C. Pouco romanizado, está pechado por un conxunto de murallas defensivas e de contención do propio terreo, que o definen e caracterizan.

Cara ao leste o sistema refórzase con fosos e unha porta de acceso formada por dúas rochas en posición vertical, con afán defensivo. Esta parte sería a mais antiga, como o evidencian as vivendas de planta circular. Da última etapa, obsérvanse cabanas con muros de pedra cunha altura de 80 cm, coas cociñas no exterior. Apareceron restos de sementes de fabas, centeo, trigo e nabos. Tamén se acharon moedas romanas de prata e fragmentos de cerámica.