Pena Muller

Pola estrada dos castros e de Portugal, pouco despois de Cualedro, a serra do Larouco realiza a súa chamada. É difícil non deter a vista nas impresionantes formacións graníticas. Podemos responder á chamada, agatuñando pola estrada que se desvía ata a cima (D) xusto antes de Lucenza, á dereita. Leva ao conxunto granítico da
Pena da Muller (950 m de altitude). Nel salta á vista, entre outras, a forma antropomórfica dunha dama de liñas un tanto picassianas xurdida do material máis nobre da comarca: as bolas graníticas da serra, froito da diaclasión —fractura— das rochas como consecuencia dos movementos tectónicos que no terciario configuraron a zona. É un dos máis evocadores conxuntos graníticos galegos.